terça-feira, 26 de outubro de 2010

VACACIÓNS EN PAZ 2011.
Antes de subir impresións, fotos e información desta nova campaña, achegovos o pequeno triptico da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui na que apresenta o programa de acollida de nenos/as saharauis VACACIÓNS EN PAZ 2011.
 

As inscripcións para o programa estarán abertas ata o 25 de decembro nos departamentos de Benestar Social dos Concellos ou en Solidariedade Galega co Pobo Saharaui onde vos informarán dos pasos a seguir.


 Un mar de ilusións no deserto.






quarta-feira, 22 de setembro de 2010

Fantástico pero real, algo noxento, grimoso e á vez divertido relato da praga de moscas nos Campamentos en outubro, recollido e traducido do blog saharaui de Luis Elizondo .
A amiga Itziar que tamén volta connosco en outubro engadía: Temo que non hai vacinas, así que ¡Non penso abrir a boca! que non quero irme polo sumidoiro...

O mes das moscas

 

Escrito por: Luis Elizondo
25 Sep 2009

Non hai cousa máis molesta que intentar durmir despois de comer, a 37º C ou 38º C, unha temperatura idónea para unha sesta, despois de pasar o peor do verán, e non poder conseguilo porque unhas 50 moscas se empeñan unha e outra vez en introducírense polo narís e polos oídos.

Quen teña visitado os campamentos en outubro sabe do qué falo. E aínda que faltan uns días para que o mes 10 comeze, elas xa están aquí. Falo das moscas.

Hainas a millóns, sen esaxerar. É un exército imbatíbel: aínda que me adicase todo o día a matalas, aínda que aplastase cinco cada minuto, cousa bastante factíbel, o que faría un total de 300 á hora, 4.800 ao día (durmindo 8 horas e adicando as outras 16 á repugnante cacería), apenas se notaría, porque é unha nube preta e móbil que o cobre todo, ao longo de varios kilómetros.

Están sobre o colchón, nas paredes, nos pratos, nos vasos, sobre as lentellas, no ordenador, no rato, na roupa, na cara, nos ollos. Nestes momentos que escribo, sintoas sobre as mans e sobre os pés descalzos. E xa non teño forzas para espantalas. Paséanse pola miña cara, polos meus beizos, intentando acceder á humidade da boca, do narís.

Por algunha estraña razón biolóxica que só elas coñecen, de noite non voan, o que representa un alivio para poder durmir. Pero coas primeiras luces da mañá, comezan  a sua frenética actividade en busca de non se sabe qué, e lánzanse sobre a miña cara para espertárenme e para que lles prepare o almorzo a base dos meus fluídos corporais.

Ultimamente teñen movidas entre elas. Por  veces dúas enzárzanse nunha tola pelexa de zumbidos por unha pinga de suor que me caeu sobre as gafas. Eu non fago favoritismos, pero sei que algunhas están moi molestas porque pensan que sempre se benefician as mesmas da humidade do meu narís. Para evitar suspicacias, abro a boca e intento dar cabida ao máximo número delas, pero sempre son máis as que  quedan fóra. Creo que nunha destas ocasións, algunhas aproveitaron para desovar na miña gorxa, porque desde onte noto estraños movementos nos meus intestinos, como se centos de minúsculos vermes se estivesen abrindo paso, buscando unha saída.

Confeso, máis alá do pudor, que estou escribindo este último parágrafo da mensaxe agochado sobre a malcheirante letrina. As dores de ventre son cada vez máis fortes e intensas, e as terríbeis punzadas indícanme que os famentos vermes conseguiron perforar o meu intestino e vértense como un río polo interior do meu abdome. Voume. Dilúome sen remedio cara á  fosa séptica convertido en merda líquida. Vexo agora con clarividencia que as moscas me utilizaron para reproducírense por miles, para alimentaren aos seus millóns de larvas que volverán a reinar durante outro outubro neste inmundo lugar. Pero eu quero contalo, para poder se cadra evitalo o ano próximo, non por min, que xa non estarei, senón por quen me substitúa, polo que, antes de desaparecer por completo polo preto burato, licuado para sempre no mar de cagarrías subterráneo, intentarei pulsar o botón de "send".
DETALLE DO POSTO DE TRABALLO.




Pódese observar a precariedade de medios materiais. Por un lado a mesa de obra rematada con plaqueta, sen caixoneira, sen aspiración, sen pistola de ar, cunha iluminación bastante cativa, cun só mechero de gas e cun só micromotor que no lo ibamos pasando arredor da mesa. 
 



 

Nesta outra foto aprécianse varios dos traballos que se estaban a facer no laboratorio cando chegamos. Os parámetros de calidade e de acabados estaban moi lonxe dos que estamos afeitos a elaborar, pero tamén é certo que cos medios cos que contan, xesos de obra, sen truwax para rodetes, poucos dentes de acrílico e de baixa calidade, alicates moi trasteados, sen resinas auto nen ola a presión para o seu curado, faise moi dificil conquerir vos resultados.

terça-feira, 7 de setembro de 2010

O PROXECTO VOLVE AOS CAMPAMENTOS EN OUTUBRO.

Coa parte práctica comezaremos o próximo mes de outubro, para o que xa temos confirmada a colaboración de dúas protésicas dentais, unha de Valencia e outra de Vigo, un par de técnicos de mantemento que resolverán os problemas que se vaian presentando sobre a marcha, e eu mesmo. Desprazarémonos aos campamentos do 8 ao 17 de outubro.


Para a continuidade do proxecto, precisamos a colaboración de máis profesionais dispostos a desprazarse unha semana nos vindeiros meses. A loxística da viaxe e os gastos correrían por conta do proxecto.

Tamén podedes colaborar doutros xeitos: Doando material ou maquinaria; facendo unha aportación económica para a compra de materiais... ou doutro xeito solidario co proxecto.

Quen teña interese en coñecernos máis en profundidade pode chamar a:
-Asociación EGE no telefone 666-496659 ou no correio ege.gipuzkoa@yahoo.es
-Xesús 981-524752 ou no correio dentalio@dentalio.eu
 O PROXECTO VAI.

Como resposta á demanda feita tanto por Mohamed Alí, director da Clínica do Hospital Xeral, como por Sidahmed Tayeb Elyazid, Ministro de Saúde Pública, confeccionamos un Proxecto de Formación de Formadoras e Formadores como Protésicos Dentais nos Campamentos de Refuxiad@s Saharauis en Tindouf.

Este proxecto foi apresentado á Diputación Foral de Guipuzcoa e acaba de ser aprobado, co cal podemos seguir adiante.
 
Pretendemos levar a cabo a partir do próximo mes de outubro deste ano 2010, un curso de formación dirixido a mulleres e homes, unhas 10 persoas. Os obxectivos son conseguiren un certo dominio e destreza profesional como protésic@s dentais e con coñecementossuficientes sobre as técnicas apropriada para a situación nos campamentos, ademais de dotalos dos meios materiais e de producción para faceren o seu traballo, e de material docente para que poidan continuar como formadores, dándolle continuidade ao proxecto a nível local, co fin de darlles resposta aos graves problemas bucodentais que padece a maioría da poboación.

O curso dividirase en dous módulos: Formación teórica e Formación práctica en prótese dental.
Os contidos do curso vanse centrar na elaboración de próteses dentais removíbeis de acrílico (auto e termo polimerizábeis) e retencións de aramio de aceiro forxados, para pacientes con edentacións unitarias, múltiples ou totais, tanto superiores como inferiores.

Tiñamos previsto que a parte teórica fora impartida durante os meses de xullo, agosto e setembro por profesionais saharauis, con material docente elaborado polo equipo de profesionais cooperantes que xa lles foi enviado antes do verán.

segunda-feira, 6 de setembro de 2010

O traballo de tres colaboradores no posto de traballo único, seguido polo equipo dental do Hospital.
O equipo de traballo as portas da clínica e laboratorio do Hospital de Rabunni.

De esquerda a dereita: Xesús, Javier, Mohamed, Itziar, Kabiri, Antton, Carmen, Adrián e Sara.


campaña protese dental-abril 2010

Prótese nos campamentos de refuxiados.

O pasado mes de novembro do 2009 a revista Dental Prótesis publicaba un artigo do compañeiro Antton Anduaga no que se poñía de manifesto a durísima situación humanitaria que está a vivir a poboación saharaui nos campamentos de refuxiados na Hamada en Tindouf (Alxeria) centrándose nas carencias en canto a asistencia bucodental.

A resposta a ese artigo foi tanto económica a título individual, como profesional. Dese xeito un grupo de protésicos e protésicas desprazámonos do 31 de marzo ata o 9 de abril aos campamentos para traballar como cooperantes, contamos coa colaboración de varios depósitos e laboratorios dentais que aportaron material diverso.

Nesta ocasión e durante unha semana, un grupo de 5 protésicos-as estivemos elaborando próteses removíbeis de acrílico para a poboación saharaui que puido desprazarse ata o Hospital Xeral de Rabunni no Campamento 27 de Octubre, diminuindo na medida do posíbel as listas de espera das persoas que precisan próteses.

Sahara solidariedade

Este blog vai comezar a informar de accións de solidariedade con o Sahara.